O gañador do IV Premio Fonseca dáse a coñecer este mércores na USC
O xurado do IV Premio Fonseca reúnese en Santiago este mércores 27 a partir das 11.30 horas para decidir o gañador dun galardón internacional que recoñece a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia e que nas anteriores edicións se lle concedeu a Stephen Hawking, James Lovelock e David Attenborough. O ditame farase público aos medios de comunicación logo da xuntanza, ás 12:00 horas, no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O xurado desta cuarta edición está formado polo reitor da USC, Juan Casares; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o xerente e o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva e Xosé Denis, respectivamente; o director do programa Conciencia, Jorge Mira; o director en funcións dos museos científicos coruñeses, Manuel Miramontes; o divulgador científico Miguel Ángel Sabadell; e o profesor da USC José Edelstein. Premio Fonseca O Premio Fonseca, convocado polo Consorcio de Santiago e a Universidade compostelá, leva o nome dun dos fundadores da USC, persoeiro de capital importancia na conformación de Santiago como lugar de gran riqueza intelectual e científica e como foro de creatividade. As persoas candidatas deben ser acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica cara ao público en xeral ben coa utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación ou ben a través de métodos ou medios innovadores. Tamén poderá ser obxecto de recoñecemento quen que coa súa actividade supoña un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e/ou o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber.