Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno aproba unha modificación que avance a transición da licenciatura ao grao en Medicina

O Consello de Goberno da USC aprobou unha modificación do grao en Medicina que facilite a adaptación dos estudantes da actual licenciatura á titulación adaptada ao proceso de Bolonia. A medida busca un mellor aproveitamento dos recursos asistenciais da comunidade galega no desenvolvemento académico do período clínico contemplado na licenciatura e no grao, que neste último caso se concentra fundamentalmente en 6º curso. A proposta inclúe a modificación do calendario de implantación do título adaptado a Bolonia e das táboas de adaptación por bloques. Ademais, a Facultade de Medicina elaborou unhas recomendacións de matrícula para os alumnos de 3º e 4º curso da Licenciatura de forma que a súa adaptación sexa máis vantaxosa. Este foi un dos puntos cos que iniciou a súa xuntanza o Consello de Goberno da USC na sesión matinal, na que tamén se aprobou a proposta de memoria de Máster en Medicina da USC que agora vai remitirse a ANECA. Ademais, o órgano colexiado aprobou a modificación da memoria do grao en Óptica e Optometría que introduce a modalidade semipresencial no curso ponte da titulación, o límite de prazas para o Diploma Superior en Criminoloxía para o vindeiro curso e a modificación do plan de estudos do grao en Administración e Dirección de Empresas pola que mudarán os contidos das materias Dirección Financeira I e II correspondente aos cursos de 3º e 4º. O Plan de Promoción dos Institutos Universitarios de Investigación é outros dos puntos incluídos nesta xuntanza. Trátase dun plan que pretende facilitar aos institutos o establecemento de criterios de mellora e de garantía de calidade científicas que contribúan ao desenvolvemento competitivo e sostido da súa actividade, reforzando a súa imaxe de calidade no eido da investigación e potenciando o recoñecemento nacional e internacional destas unidades. A reunión do Consello de Goberno presta tamén atención aos ámbitos e liñas que deben definir o Plan Estratéxico da USC para o período 2012-2020 así como á composición dos distintos grupos que deberán abordar a súa elaboración. Segundo o documento a avaliar na reunión, o Plan Estratéxico converterase na ferramenta que lle permitirá á USC a instrumentalización racional e técnica do seu proxecto universitario para a década que comeza e facilitará a adopción de decisións na mellor dirección co fin de acadar os resultados esperados. Outros puntos

Outros asuntos incluídos na xuntanza son prazas de profesorado; un acordo sobre a regulación dunha oportunidade de recuperación para alumnado de plans de estudo en proceso de extinción; a corrección de erros na adscrición de áreas á materia Infancia, Familia e Escola; os regulamentos de réxime interno dos departamentos de Botánica e de Psicoloxía Evolutiva e da Educación; cursos de posgrao propios; cambios de dedicación ou prórrogas de comisións de servizo, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.07.2011.