A WATOC entregou os premios aos químicos teóricos máis brillantes do mundo, entre eles unha española
A Sala Brage do Auditorio de Galicia estivo hoxe repleta durante os actos de entrega de medallas da Asociación Mundial de Químicos Teóricos e Computacionais e nas posteriores conferencias plenarias que impartiron os galardoados. A española Leticia González, catedrática na Universidade alemá de Jena e que en breve pasará a dirixir o Centro de Química Teórica da Universidade de Viena, recibiu de mans do presidente de WATOC, Leo Radom, a Medalla de DIrac 2011 outorgada anualmente aos químicos teóricos máis brillantes que non superen os 40 anos de idade. Esta é a primeira vez que este premio se lle concede a un español desde a fundación de WATOC en 1982. A profesora González, a quen se lle recoñecen as súas excepcionais achegas na combinación de métodos químico-cuánticos precisos con dinámica cuántica de reaccións para controlar reaccións químicas, agradeceu na cerimonia o apoio, entre outros, dos organizadores do congreso, os catedráticos da Universidade Autónoma de Madrid Manuel Yañez y Otilia Mó. Os detalles técnicos da súa investigación non son sinxelos de comprender. Termos como ‘ superficie de enerxía potencial’, ‘intersección cónica’ ou ‘femtoquímica’ non suxiren o mesmo aos profanos en ciencia que a quen teñen que impulsar a investigación mundial para que o obxectivo de crear artificialmente máquinas moleculares impulsadas por luz láser ou estruturas con funcionalidades concretas deixe de ser considerado como ciencia ficción. Otros premiados Durante a xornada deste martes tamén recibiron as Medallas de Schrödinger 2010 e de Dirac 2009 Evert Jan Baerends, da Universidade de Amsterdam, e Jeremy Harvey, de Bristol, respectivamente. Xa o venres, último día do congreso, entregaráselle a Medalla de Schrödinger 2011 a Peter Gill, da Australian University e próximo vicepresidente de WATOC, e da Dirac 2010 a Daniel Crawford, da Universidade Tecnolóxica de Virginia. Programa para os próximos días Durante o mércores e xoves desta semana continuará o maratón de química teórica na Facultade de Medicina de Santiago, con outras 130 e 105 conferencias respectivamente. Dúas das sesións do mércores desenvolveranse en memoria de Luis Serrano, da Universidade de Valencia, e de Zvonko Maksic. Algúns dos resultados que se exporán para debate durante as sesións destes días teñen unha notable transcendencia, como o estudo de materiais porosos para almacenamento de gases, deseño e propiedades de nanoestruturas, química da atmosfera, biomoléculas ou a enfermidade de Alzheimer.