Pasar al contenido principal

Químicos teóricos presentan en Santiago estudos sobre a influencia de determinados minerais en doenzas neurodexenerativas como o alzheimer

O congreso da WATOC 2011 clausúrase este venres 22 ás 17.30 horas no Auditorio de Galicia

O cobre é un elemento químico que xoga un papel moi importante en procesos de oxidación e redución. Debido á súa toxicidade, no corpo humano existen mecanismos que tratan de manter fortemente regulada a súa concentración. Estes mecanismos son de fundamental importancia xa que se demostrou que o exceso ou deficiencia de cobre está asociado coa existencia de enfermidades dexenerativas, como afirmou este xoves Avital Shurki, da Universidade hebrea de Xerusalén, no Congreso WATOC 2011 que se está a celebrar en Santiago. De feito, análises post mortem de tecido cerebral afectado por Alzheimer mostraron unha elevada concentración de metais de transición (os que se atopan na parte central da táboa periódica). Do mesmo asunto falaron no congreso a profesora da Autónoma de Barcelona Mariona Sodupe e Arvi Rauk, da Universidade de Calgary en Canada, autor de numerosos traballos de investigación relacionados coa Química da enfermedade de Alzheimer’ ¿Provén a orixe da vida do espazo? A glicina é, ao igual que outros aminoácidos, un dos bloques que conforman as moléculas dos seres vivos e que se encontrou en fragmentos de meteoritos que impactaron na Terra en pasadas épocas. De onde proveñen estas moléculas e cal pode ser a súa influencia na formación de vida no planeta son preguntas que se formularon varios investigadores participantes. Así, Antonio Largo, profesor da Universidade de Valladolid, presentou un traballo teórico que desvela as posibles reaccións que puideron levar á formación de glicina no medio interestelar. Empregando métodos típicos da química computacional foi posible analizar en detalle estas reaccións e deducir cales serían os seus fragmentos iniciais. Supresores canceríxenos Por outra parte a profesora Francesca Spyrakis, da Universidade italiana de Parma, concluíu a partir de estudos teóricos sobre configuracións en moléculas biolóxicas que cando a hemoglobina e a citoglobina se reorientan formando cavidades que reteñen o osíxeno poden servir como axentes supresores de tumores. Clausura do evento Este venres 22 finalizarán as actividades do congreso WATOC con seis conferencias plenarias no Auditorio de Galicia, a última sesión de posters (con 300 achegas) na Facultade de Económicas e a entrega das Medallas de Dirac 2010 e de Schrödinger-2011 a Daniel Crawford (Virginia Tech., USA) e Peter M. Gill (Universidade Nacional de Australia), respectivamente. A cerimonia de clausura terá lugar ás 17.30 horas no Auditorio de Galicia e nela farase entrega de 45 premios aos póster máis relevantes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.07.2011.