Pasar al contenido principal

A Escola de Formación do Profesorado de Lugo achégase á autoprotección e prevención de accidentes en centros escolares

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2011

Do 5 ao 9 de setembro o Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo será a sede do curso ‘Autoprotección e prevención de accidentes en centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria’, unha proposta estival que dirixe Rubén Navarro e na que se sucederán as reflexións teóricas cos talleres e obradoiros de orientación práctica. Os relatorios que se ofrecen co programa deseñado, profundan en cuestións como a accidentabilidade nos centros de ensino; a educación para a saúde nas distintas etapas educativas; a aplicación das técnicas do soporte vital no contorno escolar; valoración dos accidentes escolares e a tipoloxía dos máis frecuentes; técnicas de inmobilización, traslados e vendaxes no ámbito escolar; queimaduras, feridas e hemorraxias; ou a seguridade dentro das instalacións deportivas. Xunto ás intervencións, o curso contempla sesións prácticas e obradoiros nos que se mostrará a perspectivas prácticas dalgunhas das cuestións abordadas no plano teórico. Así, os asistentes poderán asistir a un simulacro de evacuación dun centro escolar ou recibir recomendacións sobre inmobilizacións, soporte vital ou sobre como actuar ante grandes catástrofes. Expertos en primeiros auxilios e socorrimos e expertos universitarios serán quen desenvolvan as distintas sesións previstas. As persoas interesadas en información sobre o programa ou sobre o proceso de matrícula poden consultar a páxina web do curso en http://www.usc.es/cultura/uveran22_11.htm.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.07.2011.