Máis de 350 investigadores reúnense na Universidade do Algarve no X Congreso da Asociación Internacional de Lusitanistas
Máis de 350 investigadores procedentes de 117 universidades e centros de investigación de Europa, América e África reuniranse a vindeira semana na Universidade portuguesa do Algarve, na cidade de Faro, para participar no X Congreso da AIL, a Asociación máis importante da Lusofonía na área das Ciencias Humanas. O profesor da USC Elías Torres Feijó é o presidente do comité organizador. No encontro aproveitarase para homenaxear ao Premio Nobel de Literatura en lingua portuguesa José Saramago, que contará cunha sesión específica durante todos os días do Congreso. Os estudos de Literatura portuguesa, literatura brasileira e literaturas africanas de lingua portuguesa, que crecen notablemente, continúan centrando a atención dos lusitanistas que salientan, en cantidade, os traballos sobre Fernando Pessoa, Machado de Assis e Eça de Queirós pero tamén de Lobo Antunes, Gabriela Llansol, Abel Botelho, Guimarães Rosa, Nélida Piñon, Graciliano Ramos ou José Agualusa. Ademais, o congreso dedicará espazo á lectura de clásicos portugueses, a estudos galegos, a poesía contemporánea e, en xeral, a cuestións de xénero e literatura. O teatro, o cinema, a música, a comunicación social, as relacións entre cultura e sociedade, a lingüística e a relación cultural entre os países da Lusofonía son outros temas a tratar neste importante evento científico.