A doutora Mª Carolina Díez defendeu na súa tese a relación entre artrite reumatoide e a presenza de anticorpos F. Hepática e A. suum
A presenza de anticorpos fronte aos parásitos Fasciola hepatica e Ascaris suum está relacionada co padecemento de artrite reumatoide, especialmente nos pacientes que viven no medio rural, sendo as mulleres as que presentan maior posibilidade de padecer esta enfermidade. Así o conclúe a doutora Mª Carolina Díez Morrondo na súa tese de doutoramento ‘Sensibilización frente a antígenos de parásitos responsables de helmintozoonosis y artritis reumatoide’ defendida recentemente na Facultade de Veterinaria. O punto de partida desta investigación atópase no feito de que as posibilidades de contacto entre persoas e animais se incrementan coa tenencia de mascotas ou polo traballo con animais, favorecendo a exposición a determinados axentes patóxenos. Este poden afectar tanto a persoas como a animais, sendo responsables de enfermidades que se denominan zoonose. No proceso investigador deste traballo de doutoramento, Díez Morrondo estudou 359 casos de persoas, das que o 33 por cento padecía artrite reumatoide. Segundos os rexistro das variables de xénero e procedencia, a investigadora apunta que o hábitat e o modo de vida están “estreitamente relacionados co grao de desenvolvemento de anticorpos fronte a F. Hepática e A. suum e coa artrite reumatoide. Ademais e segundo os datos recompilados, a poboación do medio rural, en especial as mulleres, presenta un maior risco de exposición a T. canis, A. suum e F. Hepática, “probablemente debido a que habitualmente son as persoas que se encargan dalgunhas tarefas agrícolas e da elaboración dos produtos alimenticios a partir da carne dos animais”, de tal xeito que “teñen máis posibilidades de sensibilización”. A tese de doutoramento, valorada coa máxima puntuación, dirixírona Mª Sol Arias e Adolfo Paz, docentes da Área de Sanidade Animal da Facultade de Verinaria.