Pasar al contenido principal

Roberto Nóvoa Santos. Las primeras páginas recupera as raíces ideolóxicas do eminente patólogo

De esquerda a dereita, Juan Blanco, Fernando Ponte, Juan Casares, Javier Valle-Inclán e Xosé A. Perozo
De esquerda a dereita, Juan Blanco, Fernando Ponte, Juan Casares, Javier Valle-Inclán e Xosé A. Perozo
Este libro presentouse este xoves impulsado polo Servizo de Publicación da USC e Auga Editora

O Servizo de Publicacións da USC e a editorial Auga Editora exploran unha faciana pouco coñecida de Roberto Nóvoa Santos a través do libro Roberto Nóvoa Santos. Las primeras páginas que recompila vinte e un textos publicados entre 1903 e 1905 en catro cabeceiras anarquistas baixo o pseudónimo de Pedro Novoakow, cando o autor contaba con entre 18 e 20 anos, na súa etapa universitaria. O libro presentárono este xoves 21 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca o reitor Juan Casares; acompañado dos autores do volume Javier del Valle-Inclán e Fernando J. Ponte; do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco; e do director literario de Auga Editora, Xosé A. Perozo. Con prólogo de Thomas Glick, o libro trae á luz textos de Nóvoa Santos dispersos e en boa medida inaccesibles en hemerotecas e bibliotecas, e que agora os autores presentan íntegros cos correspondentes comentarios críticos e notas explicativas. Este proxecto editorial recupera unha perspectiva descoñecida da biografía de Nóvoa a través de artigos xuvenís de nomeado carácter anarquista, dos que segundo se explicou na presentación apenas existían mención algunha. Médico aos 22 anos e catedrático aos 27, Nóvoa Santos (1885-1933) asinou máis de 200 traballos publicados e foi introdutor en España das teorías de Freud. Como se puxo de manifesto na presentación, Roberto Nóvoa destacou tamén pola súa faceta como dinamizador social e activista político, “un paradigmático representante daquelas promocións médicas dos primeiros anos do século XX que se distinguiron por un profundo sentido social”, e entre os que se atopaban Gregorio Marañón, Juan Negrín, José Sanchís Banús ou Juan Madinaveitia. Todos eles desenvolveron, como sinala Thomas Glick no prólogo deste volume, unha inmensa actividade política. “A obra de Nóvoa é enciclopédica”, sinala Glick a modo de conclusión da análise que realiza no seu prólogo, ademais de engadir que na súa produción atópase “toda unha gama representativa de ideas, non só científicas senón tamén sociais”, estas últimas materializadas no libro presentado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.07.2011.