Remata con éxito en Santiago o noveno congreso da asociación mundial de químicos teóricos

A última xornada do congreso WATOC 2011, o noveno da asociación de químicos teóricos e computacionais, transcorreu con seis conferencias plenarias no Auditorio de Galicia centradas nesa parte que permanece descoñecida para os que non son legos no tema: os desenvolvementos teóricos e metodolóxicos en química, que son finalmente os que permiten facer avanzar o coñecemento nas temáticas nas que se aplican -desde os estudos máis fundamentais sobre propiedades de átomos e moléculas ata as aplicacións en materiais, química da atmosfera, procesos biolóxicos ou deseño de fármacos-. O balance final do congreso é extremadamente positivo, non só polas cifras históricas alcanzadas (máis de 1300 participantes de 62 países e máis de 1200 achegas científicas), senón pola calidade científica dos participantes e os resultados expostos; o éxito das conferencias que se impartían en salas repletas; as vivas discusións que se estableceron tras elas, nas pausas para café e máis alá. Nos paseos polas rúas de Santiago oíase mencionar aos transeúntes palabras que non son típicas de conversacións noctánbulas, e os almorzos comezaban xa con intercambios de coñecementos entre os congresistas, que atopan nos congresos unha forma moi práctica de tomar nota das últimas novidades científicas no seu campo, da man dos seus autores. Este tipo de interacción é de especial importancia para as futuras xeracións de químicos teóricos e computacionais (estudantes de master e doutoramento) que puideron asistir ao congreso grazas á oferta de residencias da Universidade de Santiago de Compostela. Puideron escoitar de primeira man as leccións daqueles que a asociación WATOC considera os científicos que de forma máis excepcional contribuíron ao avance da Química Teórica e Computacional, os receptores das medallas de Dirac e Schrödinger 2009-2011: Gernot Frenking (Medalla de Schrödinger 2009), Jeremy Harvey (Medalla de Dirac 2009), Evert Jan Baerends (Medalla de Schrödinger 2010), Daniel Crawford (Medalla de Dirac 2010), Peter Gill (Medalla de Schrödinger 2011) e Leticia Gonzalez (Medalla de Dirac 2011). Pero sobre todo, un dos éxitos do congreso foi poder achegar a Química Teórica ás rúas de Santiago, poder dar a coñecer o labor dos químicos teóricos á sociedade e as achegas que esta florecente rama da ciencia pode introducir na ciencia e tecnoloxía actuais.