Pasar al contenido principal

As últimas investigacións sobre escultura romana en Hispania coñécense en Santiago nun encontro internacional

Raquel Casal, esquerda; José Manuel Rey Pichel, Francisco Durán e Fernando Acuña Castroviejo
Raquel Casal, esquerda; José Manuel Rey Pichel, Francisco Durán e Fernando Acuña Castroviejo
A sesión do martes 5 desenvólvese no Campus de Lugo

Un grupo de investigadores sobre a escultura romana en Hispania decidiu en 1992 organizar reunións periódicas co fin de actualizar os seus coñecementos e preparar as sucesivas edicións do Corpvs Signorvm Imperii Romano de Hispania. As reunións comezáronas en Mérida e continuaron en Tarragona, Córdoba, Lisboa, Murcia e Segóbriga para recalar esta semana en Santiago. A VII Reunión de Escultura Romana en Hispania reúne entre este luns 4 e o mércores 6 a especialistas de diversos países nun evento organizado polo Departamento de Historia I da USC a través dos profesores Fernando Acuña Castroviejo e Raquel Casal García coa colaboración da Consellería de Cultura, o Consello da Cultura Galega, a Deputación de Lugo e outras entidades. Nesta ocasión a xuntanza sirve de homenaxe ao profesor Alberto Balil, que en 1968 obtivera a praza de profesor agregado de Arqueoloxía, Epigrafía e Numismática na USC. Os catro anos de estancia de Balil en Santiago foron decisivos para o desenvolvemento dos estudos arqueolóxicos nesta Universidade, onde fundou o Seminario de Arqueoloxía e a serie Studia Archaeologica. En 1971 trasladouse a Valladolid como catedrático de Arqueoloxía, culminando alí a súa carreira. Inauguración o luns A inauguración oficial tivo lugar este luns no Consello de Cultura galega coa asistencia do presidente do Consello da cultura Galega, do director Xeral de Patrimonio Cultural, do vicerreitor de Estudantes e formación continua, da directora do Departamento de Historia I e do catedrático de Arqueoloxía da USC Fernando Acuña, quen pronunciará o relatorio ‘A. Balil e a renovación da arqueoloxía galaica’. Deseguido intervirá S. Walker, do Museo Ashmolean de Oxford que pronunciará a conferencia inaugural. Este luns e o mércores 6 todas as sesións desenvolveranse no Consello, pero os investigadores trasladaranse o martes 5 á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo para celebrar alí as sesións académicas e pola tarde visitar o Mitreo, o Museo Provincial e os restos arqueolóxicos da cidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2011.