As teses de doutoramento da USC xa aparecen recollidas no recolector TDR

As teses de doutoramento da Universidade de Santiago -que o seu Servizo de Publicacións aloxa dixitalmente en acceso aberto dende 2007- están dende o pasado luns conectadas ao servidor de Teses Doutorais en Rede (TDR). TDR é un repositorio cooperativo de acceso libre e consulta a texto completo que inclúe en formato dixital as teses de doutoramento lidas nas universidades españolas a través do protocolo OAI-PMH. Os dereitos de autor están garantidos mediante contratos de edición asinados coa Universidade e a través de licencias Creative Commons. “Esta é sen dúbida unha magnífica oportunidade para difundir o traballo investigador da nosa Universidade no ámbito internacional”, apunta o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco, toda conta que TDR forma parte da rede internacional Networked Digital Library of Theses and Dissertations (NDLTD) que promove a creación, o uso, a difusión e a preservación de teses electrónicas. A proxección exterior das teses da USC verase así incrementada, a pesar de que xa dende 2007 máis de cincocentas se podían consultar libremente no repositorio da USC.