Pasar al contenido principal

Conferencia divulgativa sobre o centenario da supercondutividade na USC

No marco do Congreso Internacional The New Generation In Strongly Correlated Electron Systems

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), no Campus Vida da USC, acolle ata o día 8 o congreso internacional ‘The new generation in strongly correlated electron systems’, que conta coa participación de sesenta investigadores de máis de vinte países. No marco do encontro, este martes ás 17.00 horas terá lugar unha conferencia divulgativa sobre os últimos descubrimentos no eido da Física de sistemas de electróns fortemente correlacionados. Como un coloquio aberto a público non científico, a charla corre a cargo de Julien Bobroff, do Laboratoire CRISMAT (Francia), e estará centrada nos cen anos do descubrimento da supercondutividade, unha das áreas da física de sistemas que está a vivir unha enorme actividade polos últimos avances nese campo. O congreso articúlase en torno a catro áreas que experimentaron unha grande actividade investigadora nos últimos anos debido á coincidencia de varios feitos importantes como son o descubrimento dos materiais illantes topolóxicos e da supercondutividade de alta temperatura en compostos baseados en ferro, o progreso abraiante na fabricación de heteroestruturas compostas por óxidos e a habilidade para illar planos individuais de grafeno e incorporalos como compoñentes electrónicos. Esta reunión de novos investigadores está organizada polo investigador do CESGA Iván González, en colaboración co profesor do Departamento de Química-Física da USC e membro de CIQUS, Francisco Rivadulla; Víctor Pardo (University of California) e Cristian Batista (Los Alamos National Lab). O obxectivo é reunir a investigadores emerxentes no eido da física de sistemas de electróns fortemente correlacionados e promover colaboracións entre eles nunha atmosfera distendida. Os asistentes presentarán máis de 50 contribucións científicas, entre elas máis de 30 charlas de investigación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.07.2011.