O gañador da primeira medalla Ignacio Ribas asiste en Santiago á lectura dunha tese de doutoramento
O catedrático da Universidade do País Vasco Fernando P. Cossío, gañador da primeira medalla Ignacio que concede o Grupo Especializado de Química Orgánica da Real Sociedade Española de Química, atópase estes días na USC. Este martes 12 participará, ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química, no tribunal da tese de doutoramento de Silvia García Rubín titulada 'Cicloadiciones catalizadas por rutenio' que dirixiron Carlos Saá Rodríguez e Jesús Angel Varela Carrete. As súas achegas na loita contra o cancro levaron ao xurado a concederlle a Cossío a medalla que leva o nome do que foi catedrático da USC durante máis de trinta anos e un dos científicos máis importantes da química española e internacional, Ignacio Ribas. Cossío, vicerreitor de Investigación da UPV entre 2000 e 2004 e propulsor da empresa Ikerchem que introduce avances químicos na industria farmacéutica e biotecnolóxica, recibiu en 2007 o premio Fundación Dr. Antonio Esteve pola creación dunhas moléculas artificiais capaces de bloquear a metástase. Cossío é ademais o presidente executivo da Fundación Ikerbasque, unha das maiores apostas de investigación promovidas polo Goberno vasco. A fundación fichou en dous anos a 75 investigadores internacionais de máximo nivel que se incorporaron aos principais centros de investigación vascos, a maioría da UPV, e creou tres centros de investigación básica de excelencia dedicados ao cambio climático, as matemáticas aplicadas e a neurolingüística.