Pasar al contenido principal

Especialistas en escultura romana en Hispania coñeceron novos achados

Os asistentes á VII Reunión de Escultura romana en Hispania que organizaron os docentes do Departamento de Historia I da USC Fernando Acuña Castroviejo e Raquel Casal García coñeceron de primeira man novos avances no seu campo de estudo. Dende os traballos sobre a policromía na plástica antiga ata os achados nas últimas escavacións que permiten ver os programas decorativos das cidades e vilas de Hispania pasando pola novidade dunha estela funeraria cunha figuración humana atopada preto da citania de Monte Mozinho, en Portugal, algo insólito nese territorio. Ás sesións, que tiveron lugar en Santiago e Lugo en honra do que fora o primeiro profesor de arqueoloxía da USC Alberto Balil, asistiron trinta especialistas de doce universidades e centros de investigación de España e sete do estranxeiro (Oxford, Copenhaguen, Berlin, Sorbona, Trier, Lisboa e Porto), que presentaron novidades xurdidas na escultura de época romana na Península Ibérica nos anos transcorridos dende a última reunión celebrada en Segóbriga. As persoas participantes decidiron que a vindeira reunión será en Toledo en 2014. Por parte da USC, as intervencións versaron sobre as primeiras mostras da escultura galaico-romana (A. Rodríguez Colmenero), as ninfas ( F. Díez Platas) e unha investigación sobre a gran colección de R. Blanco-Cicerón e a Exposición Regional Gallega de 1909, a cargo dos organizadores Acuña Castroviejo e Casal García. Como actividades complementarias realizáronse visitas ás escavacións e Museo de Catedral de Santiago e, xa en Lugo, ao Mitreo, Casa dos mosaicos e ao Museo Provincial, no que se amosa unha exposición sobre a plástica galaico-romana da que se editou un catálogo con motivo da reunión, inspirada e asesorada cientificamente polos organizadores. ´

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.07.2011.