Pasar al contenido principal

A revista Quintana da USC, recoñecida pola reputada base de datos Scopus

Instantánea da presentación do número 9 da revista Quintana, o pasado mes de abril
Instantánea da presentación do número 9 da revista Quintana, o pasado mes de abril
Convértese así na primeira revista española de Historia da Arte en ingresar neste importante índice de citas

A revista Quintana de estudos de Historia da Arte da USC acaba de ser incluída no índice de citas Scopus, base de datos bibliográfica que incorpora máis de 18.000 referencias a revistas científicas de todo o mundo que o fai un dos máis recoñecidos indicadores para a avaliación da calidade das publicacións universitarias. Quintana alcanza así un dos máximos recoñecementos que no ámbito das entidades avaliadoras poida obter unha publicación destas características. De acordo coa listaxe de revistas actualizado o marzo pasado, Quintana é a primeira española de Historia da Arte en ingresar en Scopus. Da USC só figuraba neste índice a Revista Galega de Economía, polo que a publicación impulsada polo Departamento compostelán de Historia da Arte e dirixida pola profesora María Luisa Sobrino Manzanares é tamén a primeira da área das Humanidades da USC. O valor e interese dos traballos publicados, o rigor e calidade na súa selección, os autores dos artigos ou a repercusión no eido da Historia da Arte son algúns dos argumentos que contribuíron á inclusión de Quintana en Scopus, quen destaca especialmente a súa “excelente liña e política editorial”. A revista conta con nove números publicados cunha periodicidade anual que comezou en 2002 co patrocinio económico da Deputación da Coruña en todos eles. Ao longo de todos estes anos publicaron nela numerosos especialistas de España, Europa e América ata o punto de que Quintana está incluída nas bases de datos BHA, FRANCIS, Ulrich’s, Regesta Imperii, ISOC-CSIC, Rebiun, Dialnet, MIAR ou DICE-CINDOC, cumprindo ademais os 33 criterios esixidos por Latindex para revistas impresas, que xunto coa da USC entre as de arte en España só cumpre Archivo Español de Arte do CSIC. Quintana A revista acolleu nos seus nove números investigacións orixinais sobre calquera das especialidades do campo das artes, incluídas a música e o cine. Pero tamén dedicou páxinas a potenciar aproximacións interdisciplinares que enriquecen o estudo da historia da arte en ámbitos como a literatura, a filosofía, a xeografía ou a historia cultural. En cada número abórdase un tema monográfico, encargado a destacados especialistas internacionais, e unha sección de colaboracións de tema libre na que foi crecente a achega de persoal investigador de universidades de toda España e de Iberoamérica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.07.2011.