O outono comezará na mañá do venres

Na mañá do venres 23, xusto ás 11.05 horas, o Sol pasará polo punto Libra ou Equinoccio de setembro, un dos dous puntos de corte da Eclíptica co Ecuador Celeste. Nese preciso instante comezará o outono no hemisferio boreal e, polo tanto, a primavera no hemisferio austral. A duración desta estación será de 89,85 días, a terceira do ano despois do verán (93,65) e a primavera (92,75), segundo indica o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. O dia 23, ao igual que sucedeu co Equinoocio de marzo, o Sol sairá xusto polo Este, producíndose o solpor exactamente polo Oeste, sendo nesta xornada a duración do dia semellante a da noite. A partir deste momento as noites terán cada vez maior duración, alcanzado a máxima de 15 horas arredor do 22 de decembro, cando ás 6.30 horas comezará o inverno. Fenómenos astronómicos O fenómeno astronómico mais sobranceiro nestes próximos meses se agarda que sexa a chuvia de estrelas Dracónidas no anoitecer do 8 de outubro. Esa noite, entre as 21.00 e 24.00 horas, pode ter lugar unha espectacular tormenta de estrelas fugaces xa que a Terra atravesará varios filamentos de partículas emitidos polo cometa 21P/Giacobini-Zinner. A pesares de que as Dracónidas non adoitan destacar pola súa actividade, de cando en vez sorprenden con aumentos importantes na súa taxa de meteoros dando lugar a relevantes tormentas. Así, en 1933 rexistrouse un pico de actividade duns 6.000 meteoros/hora, téndose observado o grande espectáculo astronómico en toda Europa tal coma fai constar Ramón María Aller nun magnífico artigo publicado na revista Las Ciencias en 1934. Ademais, cómpre mencionar tamén outras choivas de estrelas nesta estación como as Oriónidas (21 outubro), as Tauridas (4 novembro), as Leónidas (17 de novembro) e as Xemínidas (14 decembro). Observación dos planetas Xúpiter estará visible durante todas as noites ao igual que Marte, mentres que Saturno pasará de ser visible ao Oeste, logo do solpor, a aparecer pola mañanciña a mediados de novembro. Venus será o luceiro vespertino e Mercurio atoparase cara ao Oeste logo do solpor entre mediados de outubro e finais de novembro, con condicións idóneas para a súa identificación visual a mediados de novembro. O Outono é ademais unha boa época para tentar ollar a Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica. Así, poderase observar pasando polas constelacións do Cisne, Cefeo, Casiopea, Perseo e Auriga. Meteoroloxía Segundo datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, remata un verán que pode considerarse seco na área de Compostela a pesar da nubosidade e das suaves temperaturas rexistradas sobre todo en xullo. En total recolléronse na estación deste Observatorio 112,3 litros/m2, cantidade superior á do ano 2010 (54,8 l/m2) pero moi por debaixo da media dos veráns dos últimos 25 anos (175 l/m2), o que fai que, logo dunha Primavera moi seca, no que levamos de ano tan só se contabilizaran na cidade 745,3 litros/m2 (a media anual sitúase en preto de 1.850 l/m2). A temperatura máxima do verán en Santiago foi de 36º9 (25 de xuño), seguidos dos 34º8 do 20 de agosto. Pola contra a mínima tivo lugar na madrugada do 27 de agosto, con 8º2.
O domingo 30 de outubro producirase o troco ao horario de inverno.