O Grupo Compostela celebra a súa asemblea xeral na Universidade portuguesa do Minho
A Universidade do Minho (Braga, Portugal) acolle este venres 9 e o sábado a XVII asemblea xeral do Grupo Compostela, na que se elixirá ao novo presidente desta rede universitaria. Medio centenar de reitores, entre eles o da USC, Juan Casares Long, vicerreitores e outros representantes das 66 universidades de 25 países diferentes que forman o Grupo participarán no evento que culminará o sábado coa cerimonia de entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, presidida polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, a Neelie Kroes, comisaria europea de Axenda Dixital. Este venres 9 ás 15.30 horas o presidente do Grupo Compostela, Maurits van Rooijen, e o reitor da Universidade do Minho, Antonio M. Cunha, inaugurarán a asemblea que comezará coa discusión sobre a admisión de novos membros -sete universidades presentaron as súas candidaturas- e valorarase o estado das diferentes liñas de acción do Grupo entre as que destacan o décimo aniversario do Programa STELLA de intercambio de persoal administrativo e Tempus EDUCA, coordinado polo Grupo e recentemente recomendado para financiamento pola EACEA. A sesión do sábado dedicarase ao habitual seminario, este ano a cargo de Alberto Amaral, do Centro para a Investigación en Políticas na Ensinanza Superior (CIPES) e Ron Tuninga, asesor honorario da Asociación de MBAs. Experto en investigación de políticas no ensino universitario, Amaral centrará a súa presentación nos parámetros de calidade aplicables ás institucións de educación superior desde unha perspectiva comparativa no contexto internacional. Pola súa parte, Ron Tuninga falará de boas prácticas aplicables na xestión universitaria a pesar dos recortes de orzamento. Xa pola noite terá lugar a cerimonia de entrega do XV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia presidida polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad. A galardoada desta edición é Neelie Kroes, vicepresidenta da Comisión Europea e comisaria de Axenda Dixital.