Pasar al contenido principal

O Instituto da Lingua Galega propón no Dicionario de pronuncia en liña un modelo de pronuncia estándar para o galego

O Dicionario de pronuncia en liña permite escoitar 60.000 pronuncias do léxico común galego
O Dicionario de pronuncia en liña permite escoitar 60.000 pronuncias do léxico común galego
Esta obra en liña permite escoitar 60.000 pronuncias do léxico común galego

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC dispuxo recentemente na rede para consulta aberta de toda persoa interesada o Dicionario de pronuncia en liña , un proxecto dirixido polo profesor Xosé Luis Regueira que permite escoitar 60.000 pronuncias do léxico común galego na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala. O proxecto presentouse publicamente este martes 13, ás 12.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, nun acto que presidiu o reitor Juan Casares e no que, ademais do profesor Regueira, participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. A versión electrónica do dicionario, que contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Radio Galega, baséase na información fonética do Dicionario de pronuncia da lingua galega da autoría de Xosé Luis Regueira e publicado pola Real Academia Galega en 2010. “Había que darlle vida e voz”, dixo o profesor Regueira respecto da conversión do Dicionario nun recurso en liña. O resultado é unha obra “útil para mellorar a calidade da lingua, dende a perspectiva dos medios de comunicación ou do discurso público en xeral”. O proxecto agora presentado na rede “potencia a investigación e favorece os recursos e utilidades que facilitan o achegamento e o coñecemento da lingua galega”, explicou Anxo Lorenzo. O secretario xeral de Política Lingüística agarda que a iniciativa aumentará a calidade funcional da lingua e incrementará o seu prestixio social. Finalmente, o reitor compostelán mostrou a súa satisfacción polo resultado acadado a través da colaboración institucional e subliñou que o traballo neste senso continuará porque “para a investigación non hai data de finalización, xa que a súa meta é ir máis de onde chegamos o día anterior”. O volume presenta unha nova ferramenta en liña que deberá facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego e, por outra banda, ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada, como é o caso de xornalistas, dobradores ou profesorado, entre outros. Xunto ao corpo temático, o dicionario dispón dun buscador no que se poden localizar palabras concretas ou cadeas de caracteres, presentando o resultado da busca coa forma, categoría gramatical, transcrición e o arquivo de voz correspondente. A achega do Instituto da Lingua Galega contribúe, segundos os seus promotores, á normalización da lingua galega, á calidade e ao seu prestixio, en canto que difunde un modelo de pronuncia estándar para o idioma, útil sobre todo para o seu uso nos medios orais de comunicación e noutros ámbitos de difusión do galego. Anxo Lorenzo, Juan Casares e Xosé Luis Regueira, de esquerda a dereita

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.09.2011.