Pasar al contenido principal

Filoloxía converterase en punto de referencia para os expertos internacionais en análise do discurso

A vindeira semana, entre os días 5 e 9

O primeiro Taller Internacional de Santiago de Compostela sobre a Análise do Discurso (IWoDA’1 1) celebrarase na Facultade de Filoloxía a vindeira semana, entre os días 5 e 9. Organízano os grupos de investigación Scimitar, que lidera a catedrática Mª de los Ángeles Gómez, e D&I (Discurso e Identidade) que coordina o profesor José Manuel Barbeito, coa colaboración doutros tres grupos da Universidade da Coruña, AMERGIN, CLIN e MUSTE. A inauguración deste obradoiro celebrarase o luns 5 de setembro ás 9:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía presidido polo reitor Juan Casares, nun acto que contará coa presenza do vicedecano do centro, Juan Casas; do director do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Luis Iglesias; e da responsable da organización de IWODA’11, Mª de los Ángeles Gómez. O obxectivo será a posta en común de técnicas, metodoloxías e ferramentas diversas para analizar, realizando estudos de caso, o discurso dende distintas perspectivas (lingüística, literaria, crítica, fílmica, cognitiva,/psicolingüística, sociolóxica ou semiótica). Esta iniciativa permitirá tamén o establecemento de sinerxías entre investigadores, grupos de investigación e institucións, de xeito que IWoDA se constitúa nun referente internacional no ámbito dos estudos discursivos interdisciplinarios. En calidade de relatores convidados, participarán prestixiosos académicos e recoñecidos especialistas de renome internacional como Christopher S. Butler, Mike Scott, Paul Baker, Peter Stockwell, Melissa Moyer ou Constantino Arce, así como de máis de corenta expertos de todo o mundo, entre lingüistas, psicólogos, sociólogos ou filólogos, como integrantes do Comité Científico. Entre eles, atópanse Douglas Biber, Ian Parker, Michael Bamberg, Ruth Wodack, Alexandra Georgakopoulou, Gunther Kress, Michael Toolan, Angela Downing, Jan Renkema ou David Kaufer, entre outros.

Toda a información relativa a IWoDA’11 está dispoñible na súa propia web en http://www.usc.es/congresos/iwoda/index.html.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.09.2011.