A lonxevidade dende a perspectiva de xénero analízase no CEA

O reitor da USC, Juan Casares Long, inaugurou este martes xunto coa secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, o curso ‘Lonxevidade e benestar dende unha perspectiva de xénero: a achega das persoas maiores’ que se desenvolverá no Centro de Estudos Avanzados (CEA) ata o día 9. Na apertura participou tamén a directora do curso, a profesora María Rosé Rodríguez Galdo. Laura Seara deu inicio ás sesións pronunciando a primeira charla, titulada ‘A achega das persoas lonxevas ao desenvolvemento social e económico: igualdade e integración social’, para continuar coa intervención de Rodríguez Galdo ‘Mulleres e homes diante dunha nova valoración da vellez’. Calidade de vida e percepcións do avellentamento, análises estatísticas de España e a Unión Europea ou o voluntariado como oportunidade para unha lonxevidade activa serán temas a tratar no curso por docentes universitarios e responsables de organismos e institucións relacionados coas persoas maiores.