A USC inaugura o curso 2011-2012 cun acto académico o luns en Fonseca
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, preside o luns 12 o acto académico de lectura do discurso inaugural do curso 2011-2012 que se desenvolverá no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 12.00 horas (retransmitirase pola canle directa de USC TV). Este ano, e por vez primeira, o discurso correspóndelle á Facultade de Ciencias da Comunicación compostelá e a responsabilidade será da catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade Margarita Ledo Andión cun texto titulado ‘Indicios de desaparición e tres fotografías dende onde o mundo se chama Galicia’. No transcurso do acto, no que a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya, dará lectura á memoria anual, farase entrega da Insignia de Fonseca a setenta e tres integrantes da comunidade universitaria, dezasete deles do cadro de Persoal de Administración e Servizos e os restantes do Persoal Docente e Investigador. Este recoñecemento concédese a quen prestase os seus servizos na USC durante máis de 30 anos. Autoridades Ademais do equipo de dirección da Universidade compostelá e de representantes das outras dúas galegas, a cerimonia contará coa presenza do alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa; do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; e do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga. Asisten tamén os ex reitores da USC Darío Villanueva e Senén Barro e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, ademais doutras autoridades académicas e civís.