Unha investigación desenvolve modelos dinámicos de crecemento para o bidueiro e o carballo en Galicia

Esteban Gómez García propón novas ferramentas para a caracterización e a planificación de rodais puros e regulares de bidueiro (Betula pubescens Ehrh.) e de carballo (Quercus robur L.) presentes en Galicia. Para iso desenvolveu senllos modelos dinámicos de crecemento o que, na súa opinión “permitirá un mellor coñecemento e unha xestión mais eficiente das masas forestais ocupadas por estas especies”. Esta proposta forma parte da súa tese de doutoramento defendida este xoves na Escola Politécnica Superior e que lle valeu a máxima cualificación de sobresaliente cum laude por unanimidade . Os doutores Ulises Diéguez Aranda e Felipe Crecente Campo dirixiron o traballo titulado ‘ Modelos dinámicos de crecemento para rodais regulares de Betula pubescens Ehrh. e Quercus robur L. en Galicia’ que avaliou un tribunal integrado por Teresa de Jesus Fidalgo Fonseca, Alberto Rojo Alboreca, Miren del Río Gaztelurrutia, Fernando Castedo Dorado e Marcos Barrio Anta. En Galicia a maior parte da área potencial que lle correspondería a estas especies atópase ocupada por outras especies forestais, por cultivos agrícolas ou por matogueiras. Ó principio deste século, as masas de bidueiro e de carballo ocupaban en Galicia 32.000 ha e 187.000 ha, respectivamente (Xunta de Galicia, 2001). Como apunta Esteban Gómez, a pesar da importancia e do potencial destas especies na rexión, o desenvolvemento de ferramentas para a súa xestión ten sido secundario, quizais debido ao seu menor valor económico en comparación coas especies do xénero Pinus. As ecuacións que constitúen os modelos de crecemento e a lóxica para relacionalas dun modo coherente implementáronse no programa informático GesMO© 2.1, de maneira que sexa posible unha utilización sinxela dos mesmos por parte dos potenciais usuarios. Coa proposta do xa doutor Gómez García, a aplicación permitirá xerar táboas, gráficos e informes en función das necesidades dos usuarios. Como apunta o autor deste traballo de investigación, no simulador de crecemento e produción de rodais forestais GesMO© 2.1 xa están implementados outros modelos dinámicos de crecemento para especies forestais de interese comercial en Galicia. Este programa informático permite simular distintas alternativas silvícolas de xestión (densidade inicial do rodal, tipo, peso e idade dos rareos, e idade da corta final) e analizar as posibles consecuencias en termos de crecemento, produción e rendibilidade económica.