O Instituto Max Planck designa o profesor García Vidal para formar parte do grupo internacional de expertos en materia de patentes
O Max-Planck-Institut für Immaterialgüter- und Wettbewerbsrecht designou o profesor Ángel García Vidal como membro do grupo internacional de investigadores que, baixo a dirección deste Instituto, analizarán os grandes retos aos que se enfronta na actualidade o sistema de patentes. Este grupo internacional de expertos, que examinará problemas como o da transferencia de tecnoloxía, as licencias obrigatorias ou as prácticas abusivas, terá a súa primeira xuntanza en Berlín a comezos do vindeiro mes de outubro. O Instituto Max Planck para a propiedade intelectual e o dereito da competencia, con sede en Múnic, é o centro máis punteiro en todo o mundo sobre a materia, cunha ampla actividade investigadora e de apoio a traballos lexislativos internacionais. Pola súa banda, o profesor da Facultade de Dereito da USC Ángel García Vidal desenvolve parte da súa tarefa investigadora nos campos da propiedade industrial e intelectual, no marco do Instituto de Dereito Industrial da USC (IDIUS), centro propio da institución compostelá dedicado á investigación da competencia económica, a propiedade industrial e a propiedade intelectual no que se integran investigadores das tres universidades galegas así como da Complutense de Madrid ou Alcalá de Henares.