A USC e Cidade da Cultura asinan un convenio marco de colaboración

A USC e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia acaban de establecer un marco de actuación que regulará a súa relación no desenvolvemento de actuacións conxuntas en actividades culturais, científicas, pedagóxicas, de investigación e outras que resulten de interese para ambas institucións. A colaboración quedou formalizada coa sinatura protocolaria dun convenio marco que subscribiron o reitor da USC, Juan Casares, e o e conselleiro de Cultura, Roberto Varela, en calidade de presidente do Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. A USC e a Fundación sentan deste xeito as bases para, nos vindeiros dous anos –período de vixencia do acordo-, executar proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, a realizar entre os institutos e centros da USC e a Fundación. O acordo abre tamén ás portas á cooperación en programas de formación de persoal investigador, técnico e de administración, así como o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coas respectivas actividades das partes asinantes. O intercambio de persoal e a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico serán outros eidos nos que a universidade compostelá e Cidade da Cultura cooperarán. Tras a sinatura do acordo, o conselleiro asegurou que para a Fundación Cidade da Cultura de Galicia é “unha honra” poder colaborar coa USC, “unha institución que atesoura tras de si máis de cinco séculos de dedicación á produción e difusión do coñecemento”. Varela destacou o papel da USC como “cerne da cultura galega” e asegurou que a Fundación traballa “para axudar a vertebrar a nosa cultura, para contribuír a que siga medrando e para difundila dentro e fóra das nosas fronteiras”.
No mesmo acto, Casares e Varela subscribiron tamén unha colaboración en virtude da que a Fundación Cidade da Cultura financia as carpetas-axendas que a USC entrega ao seu alumnado coa matrícula. Esta colaboración abarcará o presente curso académico, incorporando o nome e anagrama da Fundación de xeito visible nas citadas carpetas.