Pasar al contenido principal

As liñas xerais do orzamento da USC propoñen a diminución das contas universitarias nun 2,63 por cento

Debateranse no Claustro este mércores 14

A situación financeira da USC dende a aprobación do plan de equilibrio económico-financeiro 2004-2006, xunto ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego para 2012, o Plan de Austeridade da Xunta de Galicia 2011-2013 e a diminución dos ingresos por prezos públicos, marcarán as liñas xerais dos orzamentos da USC para o vindeiro ano. Segundo estas liñas, que se someterá á consideración do Claustro Universitario o mércores 14, as contas da institución académica compostelá redúcense nun 2,63 por cento en relación a 2011, porcentaxe que inclúe non só a conxelación do Plan de Financiamento para 2012 e a redución da recadación por taxas, senón tamén a propia situación económica arrastrada dende hai anos. O importe do orzamento para o próximo exercicio ascenderá a 222.818.960 millóns de euros. Neste contexto, o equipo de goberno no documento que se presentará ao Claustro sitúa como eixo fundamental da institución á comunidade universitaria, mantendo as derivas obrigatorias (trienios, quinquenios ...) así como as necesidades básicas do persoal. “Un ano máis, poñemos o acento nas persoas, compromiso polo que seguimos apostando, e polo que seguiremos facendo todo o posible por mantelo e, polo tanto, presentarase un orzamento no que priman os gastos do Capítulo I”. Este concepto, como se apunta nas liñas xerais, representa o 66,98 por cento do importe total do orzamento. A proposta do equipo de goberno permitirá afrontar os gastos imprescindibles para manter as actividades propias da USC, aínda que para logralo “será imprescindible intensificar a eficacia e a eficiencia dos recursos empregados, así como un seguimento do grao de execución do orzamento que permita minimizar as desviacións do mesmo”. Reparación Ampliación e Mellora das Infraestruturas No apartado das obras de reforma, ampliación e mellora, a USC xa puxo en marcha en 2011 un plan de execución de obra que se estenderá ao vindeiro ano poñendo a énfase nas necesidades asociadas á prevención de riscos e á seguridade. Así, remataranse as obras pendentes na Facultade de Bioloxía e no Campus de Lugo iniciarase a construción da nave-almacén de maquinaria agrícola, que dará servizo ás necesidades derivadas da finca de prácticas da Escola Politécnica Superior, en ambos os dous casos con fondos propios. Xestión da débeda A Universidade, durante o 2012, terá que facer fronte ao pagamento da amortización da débeda, máis os xuros correspondentes, por un importe que supera os oito millóns de Euros Campus de Excelencia Internacional Campus Vida entrará en 2012 nunha nova etapa no eido da investigación e a innovación. Está prevista a entrada en funcionamento do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e o remate das obras do de Tecnoloxías da Información (CITIUS), continuando coa construción da Aula de Produtos Lácteos e o comezo do Centro de Investigación en Biomedicina Experimental (CEBEGA), todos estas accións con financiamento externo. O Claustro Universitario na súa próxima xuntanza do mércores 14 tratará ademais a programación plurianual e a eleccións de membros de comisións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.12.2011.