Pasar al contenido principal

Preséntase o libro Las raíces del humanismo europeo y el Camino de Santiago

O libro Las raíces del humanismo europeo y el Camino de Santiago , que recolle as actas dos X Encontros Internacionais e do Congreso Internacional de Filosofía no Camiño de Santiago de 2010, preséntase este mércores 14 nun acto público. Na presentación, ás 11.00 horas no Hostal dos Reis Católicos, participarán o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Alfonso Rueda; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; a directora xerente do Plan Xacobeo, Camino Triguero; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Luis Blanco Valdés; e os coordinadores da edición, os profesores da USC Marcelino Agís Villaverde e Agustín Dosil Maceira e o presidente da Fundación Ad Sanctum Iacobum Peregrinatio, Marcelino Oreja Aguirre. Publicado pola USC, o volume recolle os traballos presentados no congreso internacional que se celebrou os días 4 e 5 de novembro do 2010 na cidade e no que unha sección correspondeu á X edición dos Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago organizados pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) e baixo o patrocinio da Dirección Xeral de Relacións exteriores e coa UE da Xunta de Galicia e do Xacobeo. Nesas citas científicas convocouse a persoal experto en filosofía, economía, política e diversos ámbitos do social para reflexionar sobre “as raíces do humanismo europeo que de xeito senlleiro encarnou e encarna o Camiño de Santiago”, argumentan os organizadores. Cada un dos capítulos desta obra contribúe, desde un punto de vista específico, a interpretar a crise de valores do tempo actual e a propor solucións partindo da necesidade de construír un novo humanismo, recuperando a dimensión transcendente do home e os valores da persoa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2011.