Granxa Familiar promove os valores de saúde pública, ecoloxía e comercio xusto en todas as súas actividades.
Estas festas de Nadal os mellores chefs galegos elaborarán cos nenos e nenas ingresados en hospitais públicos galegos sinxelos e saudables pratos con produtos ecolóxicos procedentes das familias rurais galegas que participan en Granxa Familiar, un proxecto do grupo de investigación Gist-Idega da USC para promover a innovación e o desenvolvemento económico en Galicia dende valores de saúde pública, ecoloxía e comercio xusto. Restauradores destacados na Guía Michelín como Iago Castrillón do Acio de Compostela, Pepe Solla, Rafael Centeno do Maruja Limón de Vigo, Jose Cannas do Pepe Vieirade Raxo (Pontevedra), Beatriz Sotelo da Estación de Cambre (Coruña) e Héctor López do lugués España serán os encargados de organizar os menús para que os e as máis pequenas aprendan os pratos máis saudables da nosa cociña dunha maneira lúdica. O evento solidario ‘Cociña Saudable’ celebrarase nos hospitais públicos de Santiago de Compostela, Vigo e Coruña.