A USC, na Federación Europea de Asociacións de Sistemas Agroforestais
A profesora da Universidade de Santiago María Rosa Mosquera Losada, pertencente ao grupo de investigación de sistemas silvopastorais, resultou elixida para formar parte, xunto con outras cinco persoas, do comité executivo da Federación Europea de Asociacións de Sistemas Agroforestais. A elección, na que participaron máis de cen especialistas, tivo lugar na sesión constituínte celebrada en París a pasada semana. Os sistemas silvopastorais son unha ferramenta útil e contrastada para o control do combustible vexetal dos montes españois nos que o risco de incendios é moi elevado. Ademais de promover o uso múltiple do monte a través da obtención de produtos gandeiros e madereiros favorecen o secuestro de carbono, melloran a calidade das augas e fomentan a biodiversidade. Dada a súa importancia, entre os obxectivos desta federación figura a promoción destes sistemas en diferentes ámbitos, desde o político, administrativo e científico, ata a difusión a propietarios de montes, agricultores e gandeiros que poidan estar interesados. A primeira acción a promover por parte da federación será a presentación de suxerencias ao borrador da PAC que estará en vigor no período 2014-2020 co obxecto de que se promovan este tipo de sistemas en toda Europa,”xa sexan como sistemas silvopastorais, os máis adecuados para o sur de Europa, silvoarables (produción conxunta de árbores e cultivos) ou a través da promoción da produción doutros produtos do bosque como cogumelos, mel ou plantas medicinais e aromáticas”, explica a profesora Mosquera. Neste sentido, as propostas á PAC “perseguirán o pago dos servizos ambientais derivados da implantación destes sistemas”.
A promoción destes sistemas en España estará apoiada polo Grupo de Traballo de Sistemas Agroforestais español que coordina a propia Rosa Mosquera e que na súa última reunión concluíu que se debe pór en marcha un Plan Nacional de Sistemas Agroforestais co obxecto de manter os montes cunha baixa carga de combustible vexetal para reducir así o risco de incendios. Na última década establecéronse con éxito pagos ao pastoreo no monte para reducir o risco de incendios nas comunidades de Aragón, Cataluña, Valencia, Castela e León e Andalucía.