Pasar al contenido principal

A USC convoca novas edicións dos premios á excelencia e á calidade lingüística dos traballos académicos

Premiaranse os dous mellores traballos académicos e o mellor proxecto de fin de carreira ou traballo de fin de grao redactados en galego neste curso académico 2011-2012
Premiaranse os dous mellores traballos académicos e o mellor proxecto de fin de carreira ou traballo de fin de grao redactados en galego neste curso académico 2011-2012

As comisións de normalización lingüística de dezaseis centros da USC convocan unha nova edición dos premios á calidade e á excelencia lingüística co obxectivo de fomentar o uso do galego entre o estudantado, ligado ao espallamento da cultura da calidade. Con este certame, que xa vai polo seu oitavo ano, prémianse os dous mellores traballos académicos e o mellor proxecto de fin de carreira ou traballo de fin de grao de cada titulación dos centros convocantes, redactados en galego neste curso académico 2011-2012, así como o mellor de cada modalidade entre todos os premiados na Universidade. Na modalidade de traballos académicos concédense dous premios á calidade de 150 e 100 euros por centro, mentres que na outra o premio é de 300 euros por titulación. Ademais, os traballos galardoados pasan a unha segunda rolda de gañadores, a dos premios á excelencia, dotado con 150 € e 300 € respectivamente. En todos os casos, os gañadores reciben ademais un diploma para o seu curriculum. Esta nova edición corre por iniciativa das comisións de normalización lingüística das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Ciencias, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filosofía, Matemáticas, Psicoloxía, Veterinaria, Xeografía e Historia e das Escolas Politécnica Superior, de Enfermaría, de Formación do Profesorado e Técnica Superior de Enxeñaría. En todas as edicións precedentes os premios contaron co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Recursos de apoio A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega. No web sobre os premios o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe Buscatermos, con máis de 100 000 entradas. Sobrancean, ademais, modelos de traballos de fin de grao para word, que facilitan a súa elaboración cun formato óptimo, como xa demostraron o pasado curso os graduandos das titulacións de Económicas e da ETSE.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.12.2011.