Conferencia de Pablo Menéndez Buján sobre `Células Nai, desenvolvemento e cancro´
O científico Pablo Menéndez Buján, do Centro de Investigación Biomédica (CIBM) de Granada, pronunciará unha conferencia sobre "Células Nai, desenvolvemento e cancro”, o vindeiro 17 deste mes de agosto, ás 12 horas, no Instituto de Ortopedia e Banco de Tecidos Musculoesqueléticos da USC, que dirixe o catedrático Jerónimo Forteza Vila e que ten a súa sede no Edificio Monte da Condesa do Campus Universitario de Santiago de Compostela.
Pablo Menéndez Buján conta con ampla experiencia no campo de Células Nai humanas adultas e embrionarias e con destacados recoñecementos de carácter nacional e internacional polo seu labor científico. Na súa etapa de investigador Postdoctoral formouse en Toronto e en Londres, nos laboratorios dos Profesor Mick Bhatia e. Mel Greaves, respectivamente, e conta con máis de 60 publicacións internacionais en revistas de gran prestixio no eido científico.
Actualmente é membro de diferentes Comités Nacionais e Internacionais, Asesor Científico Externo do Rexistro Europeo de Células Nai Embrionarias, así como doutras institucións biomédicas nacionais, e Subdirector do Banco Nacional de Líneas Celulares, adscrito á Subdirección Xeral de Investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa do Instituto de Salud Carlos III.
O Instituto Universitario de Ortopedia e Banco de Tecidos Musculoesqueléticos da USC ten entre os seus obxectivos a promoción e desenvolvemento da investigación científica e técnica no campo da ortopedia, a realización de actividades docentes e formativas, o asesoramento técnico ás industrias relacionadas coas enfermidades musculoesqueléticas, e a difusión de información de interese para a cirurxía ortopédica e para traumatoloxía. O seu director é o catedrático de Anatomía Patolóxica, Jerónimo Forteza Vila, ata marzo deste ano, Xefe do Servizo de Anatomía Patolóxica no Hospital Clínico Universitario de Santiago e un prestixioso investigador en temas relacionados cos linfomas e gliomas, sendo autor de máis de 240 publicacións científicas en revistas nacionais e internacionais e de 7 capítulos de libros sobre Patoloxía e Oncoloxía, que tratan diferentes campos da Medicina e a Patoloxía, sobre todo dos tipos diferentes de enfermidades neoplásicas.