Pasar al contenido principal

Premian un simulador virtual de produción leiteira no que participou a Aula de Produtos Lácteos

O coodinador da Aula de Produtos Lacteos, Juan Méndez, recolleu o galardón nun acto celebrado en Madrid
O coodinador da Aula de Produtos Lacteos, Juan Méndez, recolleu o galardón nun acto celebrado en Madrid
O proxecto busca a mellora da competitividade da industria láctea europea a través da formación continua e permanente

O aproveitamento das novas tecnoloxías e, ao tempo, da longa experiencia profesional das empresas do sector converxen nun proxecto que a Aula de Produtos Lácteos da USC desenvolveu entre 2008 e 2010 xunto con outros socios e que agora acaba de ser premiado polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE). O proxecto é un simulador virtual de produción accesible dende a páxina web http://www.dairysimulator.com ao que os expertos externos que avaliaron as distintas propostas valoraron como o mellor dos presentados ao programa Leonardo na convocatoria de 2008, destacando tanto a xestión do proxecto como o conxunto de produtos resultantes da súa implementación. O equipo recibiu este recoñecemento no transcurso da V Conferencia Nacional Temática e V Feira de Valoración do OAPEE. O proxecto, enmarcado no programa europeo Leonardo da Vinci de aprendizaxe permanente, tiña por obxecto contribuír ao desenvolvemento e ao incremento da competitividade da industria láctea europea mediante a mellora na capacitación dos seus recursos humanos. Para iso crearon unha páxina web multilingüe que, ademais da súa función promocional e informativa, é a entrada para que os socios poidan acceder ao simulador . O desenvolvemento metodolóxico formulouse de maneira que a construción de coñecementos do alumnado siga unha secuencia lóxica que parte sempre do sinxelo ao complexo. Pódese deste xeito secuenciar o proceso formativo en función das necesidades do profesorado e segundo o nivel individual do alumnado. Preténdese ofrecer ferramentas formativas máis sinxelas e eficaces, establecer relacións dinámicas entre todos os axentes implicados, eliminar as barreiras lingüísticas, adaptar as mecánicas de traballo ás novas demandas da sociedade da información, promover o uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación nun sector tradicionalmente reacio aos cambios e faciitar o desenvolvemento de prácticas innovadoras nun contexto e-learning.

No proxecto participan, ademais da Aula de Produtos Lácteos, a spin-off da USC Pexego Sistemas Informáticos, o Colexio Agrícola de Falticeni (Romanía), a Facultade de Ciencias dos Alimentos da Universidade de Warmia e Mazury en Olsztyn (Polonia), o centro vocacional Hami de Finlandia e a Escola de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2011.