Pasar al contenido principal

Jaime Gómez Márquez introduce e coordina unha sección de 'FEBS Journal' sobre DNA G-quadruplex

Jaime Gómez coordina 'Minireview Series' da revista 'FEBS Journal'
Jaime Gómez coordina 'Minireview Series' da revista 'FEBS Journal'

A prestixiosa revista científica 'FEBS Journal', dedicada á publicación de documentos de investigación nos distintos ámbitos das ciencias moleculares da vida, publica no seu último número unha serie de tres artigos asinados por destacados científicos das universidades de Cambridge e Arizona e do laboratorio de Xerontoloxía Molecular do National Institute of Aging pertencente aos National Institutes of Health dos USA, nunha sección chamada "Minireview Series" sobre DNA G-quadruplex, coordinada polo catedrático e decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Jaime Gómez Márquez, quen tamén fai unha introdución aos temas tratados nesta sección co artigo 'DNA G-quadruplex: structure, function and human disease'.

O primeiro dos artigos desta sección é “Structure, location and interactions of G-quadruplexes”, da autoría de Julian L. Huppert, do Laboratorio Cavendish da Universidade de Cambridge, un científico que dende o ano 2010 é membro do Parlamento Británico. O segundo artigo está asinado por tres autores, investigadores da Universidade de Arizona, Tracy A. Brooks, Samantha Kendrick e Laurence Hurley e leva por título: “Making sense of G-quadruplex and i-motif functions in oncogene promoters”. Unha das figuras representada neste artigo foi publicada como portada da revista. O terceiro dos artigos titúlase “G-quadruplex nucleic acids and human disease” e ten como autores aos americanos Yuliang Wu e Robert M. Brosh.

O DNA G-quadruplex é un tipo de estrutura secundaria do DNA (ADN) e, segundo Gómez Márquez, este tipo de estruturas participan en procesos moi importantes das células como o mantemento dos telómeros (estruturas cromatínicas especializadas que se atpan localizadas nos extremos dos cromosomas eucariontes), transcrición, recombinación e tradución. Hai enfermidades como a anemia de Fanconi, o síndrome de Werner, o síndrome do cromosoma X-frágil, ou determinados tipos de cancro que están relacionados coa existencia de este tipo de estruturas no xenoma.

Os científicos consideran necesario afondar máis na función deste tipo de estruturas no xenoma e, concretamente, o catedrático de Santiago, Jaime Gómez Márquez ten varias investigacións na relación dos G-quadruplex e a recombinación, tema sobre o que este mesmo ano publicou un artigo de investigación en ChemBiochem, outra revista científica de recoñecemento internacional.

FEBS Journal: http://www.febsjournal.org
http://onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1111/ejb.2010.277.issue-17/issuetoc;jsessionid=066C122D9C2DAEDE9CC597EB138D3FE6.d03t02

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.08.2010.