Pasar al contenido principal

O Banco de Terras, solución contra o abandono

Unha tese doutoral en Lugo analiza o abandono da agricultura e do solo

O Banco de Terras de Galicia estase a converter na mellor opción para frear o abandono de terreos na nosa comunidade. Esta é unha das conclusións da tese de doutoramento que defendeu en Lugo o enxeñeiro de montes Eduardo Corbelle Rico titulada ‘Abandono da agricultura e cambios na cuberta do solo: Aplicación de fotografía aérea histórica, modelos de regresión loxística e sistemas de axuda á decisión para o planeamento territorial na comarca da Terra Chá (Lugo)”.
Este traballo, dirixido polos profesores Rafael Crecente Maseda e Inés Santé Riveira, centra a súa atención nos cambios da paisaxe rural motivados polas transformacións recentes do sistema agrario e, en particular, polo peche de numerosas explotacións agrarias. Trátase dunha temática de grande actualidade en Galicia, tanto pola súa relación coa viabilidade das explotacións agrarias e as iniciativas innovadoras como é o caso do Banco de Terras de Galicia, como polos incendios forestais ou o deterioro da calidade da paisaxe rural. Na Unión Europea tamén se percibe un crecente interese por estes cambios nas zonas rurais nun contexto de reforma da Política Agraria Común e de novas demandas de terra para cultivos enerxéticos, no que o abandono de terras está a ter xa importantes repercusións económicas e ambientais en moitos países.
A investigación de Eduardo Corbelle, que parte dos traballos desenvolvidos no Laboratorio do Territorio (LaboraTe), no grupo de investigación do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), levouse a cabo na comarca da Terra Chá por tratarse dunha zona singular do rural galego ao contar con preto de un millón de parcelas e concentrar o 4% das explotacións da comunidade.
O estudo conclúe que a figura do Banco de Terras, creada pola Xunta de Galicia co fin de favorecer a conservación de superficie agraria útil coa participación voluntaria dos propietarios, é a “mellor opción” para evitar ou polo menos frear a crecente tendencia de deixar de traballar numerosos terreos da nosa zona rural, de xeito que van quedando abandonados e totalmente cubertos de maleza, asegura o xa doutor.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2010.