Pasar al contenido principal

A USC e a consultora multinacional everis colaborarán no plan de modernización da xustiza

Senén Barro e Benito Vázquez nun momento da sinatura celebrada no despacho reitoral
Senén Barro e Benito Vázquez nun momento da sinatura celebrada no despacho reitoral

A USC e a consultora multinacional everis desenvolverán actividades conxuntas orientadas ao desenvolvemento do Plan Estratéxico de Modernización do Sistema de Xustiza para os anos 2010 e 2012. Este é o obxectivo do acordo marco que a institución docente e a consultora asinaron este xoves en San Xerome nun acto protocolario no que interviñeron o reitor Senén Barro e o conselleiro delegado de everis Benito Vázquez Blanco.
O Plan Estratéxico de Modernización do Sistema de Xustiza pretende agrupar con carácter sistemático e de maneira detallada o conxunto de reformas normativas, cambios organizativos e melloras tecnolóxicas que propicien que o sistema xudicial alcance un rendemento avanzado.
Dentro do acordo marco terán cabida a execución de proxectos e programas de investigación e o asesoramento mutuo. Cada unha das iniciativas que se decida impulsar regularase en acordos específicos nos que se definirá o obxectivo perseguido, o plan de traballo, as condicións económicas ou as normas de coordinación, entre outros asuntos.
Para facilitar a elaboración dos convenio específicos, o seu seguimento e cumprimento, se constituirá unha comisión mixta paritaria integrada por un apoderado da Facultade de Dereito e o socio responsable da liña de xustiza de everis. A súa constitución levarase a cabo no prazo dos vindeiros 30 días.
everis é unha consultora multinacional que colabora co sector público e coas principais empresas en todos os sectores de actividade a través de proxectos que axuden a alcanzar os retos de negocio mediante o coñecemento, o talento e as tecnoloxías da información.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.04.2010.