Comeza en Guitiriz un curso sobre corredores naturais e rutas verdes enmarcado no proxecto da USC 'e+s Miño'
Este luns 1 de febreiro comeza na Escola Habaneira de Guitiriz un curso sobre os corredores naturais e as rutas verdes, enmarcado no proxecto ‘e+s Miño’ que promove a USC en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar e o Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá, e financiado polo Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad.
No curso participarán empresarios, traballadores, agricultores e gandeiros dos 26 concellos incluídos na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que no ano 2002 recibiron da Unesco a máxima catalogación medioambiental.
O obxectivo deste novo curso é estimular a creación de iniciativas de turismo verde, identificando e facendo unha diagnose dos servizos e oferta de novos produtos. Os asistentes achegaranse aos diferentes mecanismos dirixidos a activar os recursos naturais dos seus municipios, de xeito que se potencie o turismo e o crecemento económico do lugar mantendo un desenvolvemento sostible.
O curso, o segundo das once accións formativas que se levarán a cabo dentro do proxecto ‘e+s Miño’, desenvolverase os días 1, 2, 3, 22, 23 e 24 de febreiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas os luns, e de 10:00 a 14:00 horas os martes e mércores.
Abre a matrícula para o seguinte cursoO seguinte curso do proxecto impartirase os días 1, 2, 3, 8, 9 e 10 de marzo e analizará a innovación e as iniciativas dinamizadoras nas Reservas da Biosfera e nel tentarase formar aos traballadores sobre os usos actuais e potenciais dos recursos naturais e culturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño, visibilizar as potencialidades que ofrece e aproveitar o patrimonio cultural como unha oportunidade para a creación de emprego.