Pasar al contenido principal

Sentida homenaxe ao catedrático Lete del Río coa presentación dun libro na súa memoria

Ao acto asistiu un nutrido grupo de compañeiros e amigos
Ao acto asistiu un nutrido grupo de compañeiros e amigos

O Decanato da Facultade de Dereito e o Departamento de Dereito Común lembraron este venres nunha emotiva homenaxe a figura do catedrático de Dereito Civil da USC José Manuel Lete del Río, finado en accidente de tráfico en abril de 2007. No acto, que coincidiu co depósito na Concepción Arenal da biblioteca persoal do catedrático, presentouse o libro Estudios jurídicos en memoria del profesor José Manuel Lete del Río que coordinou a profesora María Paz García Rubio.
A idea da publicación, como explicou a súa coordinadora, xurdira en vida do profesor Lete, quen a sabendas de que os seus compañeiros lle querían dedicar un libro manifestou o seu desexo de que fose “algo pequeno e moi próximo á súa propia experiencia vital”. De aí que os autores dos artigos do libro sexan ou ben profesores das Facultades de Dereito nas que traballou, as de Santiago e Valladolid, ou ben xuristas que foron alumnos seus. Súmanse tamén achegas de compañeiros que mantiñan estreitos lazos de amizade con el.
Así, son autores da publicación Santiago Álvarez, Javier Lete, Fernando Badosa, José Manuel Lois, María Mercedes Bermejo, Marcos A. López, Manuel J. Botana, Marta Madriñán, Xavier O’Callaghan, Pedro Maia, Marta Carballo, Juana Marco, José Castán, Antonia Nieto, Antonio Chaves, Marta Otero, Andrés Domínguez,. Xavier D’Ors, Santiago Espiau, Gilles Paisant, Isabel Espín, Miguel Ángel Pérez, María Consuelo Ferreiro, Victoria Picatoste, Gabriel García, Antonio Pinto, Dolores García, Xaime M. Requeixo, María Paz García, Ángel Sánchez, Ángel Gómez-Iglesias, Eduardo Serrano, Enrique Gómez-Reino, Ignacio Serrano, Ana González, Marié Sixto, Margarita Herrero, Teodora F. Torres, Carlos Lete, Belén Trigo e Carlos Vattier.
O acto presidiuno o decano da Facultade, Luis Míguez Macho, e nel participaron ademais a catedrática de Dereito Civil da USC, García Rubio; o da Universidade de Barcelona, Ferrán Badosa Coll; o catedrático de Dereito Administrativo, Enrique Gómez Reino y Carnota; o director da Biblioteca Concepción Arenal da USC, Franciso Méndez; e Javier Lete Achirica, profesor titular de Dereito Civil en Santiago.
Manuel Lete del RíoO catedrático Manuel Lete del Río comezou a súa traxectoria profesional na Universidade de Valladolid, onde foi profesor antes de trasladarse a Santiago. Ademais de escribir numerosos tratados sobre Dereito Civil, dirixiu o Departamento de Dereito Común e ocupou diversos cargos de responsabilidade na Universidade de Santiago. O profesor Lete del Río gozaba dun gran recoñecemento internacional no eido do Dereito Civil.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.03.2010.