O XVI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo será o vindeiro 24 de marzo
A décimosexta edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, unha das actividades máis consolidadas do convenio Lugo Cultural, desenvolverase na cidade o vindeiro 24 de marzo. Os interesados en participar, que deben ser maiores de 18 anos, poden inscribirse na Vicerreitoría de Cultura do campus lugués dende este martes 9 ata as 14:00 horas do día 18.
Na presentación desta nova edición do Maratón Fotográfico estiveron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; e o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez. Tamén asistiron a responsable da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde, e o coordinador do Espazo Fotográfico da USC, Eduardo Ochoa.
Un ano máis, a este certame fotográfico pódense presentar traballos tanto en modalidade dixital como analóxica, para o que a organización propoñerá dous temas comúns para as dúas categorías. Dentro da modalidade analóxica haberá, ademais, un apartado para o tema libre.
Os participantes optan a varios premios, como o ‘Carlos Valcárcel’ concedido á mellor fotografía presentada por calquera membro da comunidade universitaria ou persoas alleas á mesma que asistisen a algún dos cursos de formación de fotografía programados pola Vicerreitoría de Cultura nalgunha das súas convocatorias. Este galardón está dotado con 236 euros.
Así mesmo, haberá un premio de 120 euros para a mellor fotografía de cada tema, modalidade analóxica e dixital; outros 120 euros para a mellor fotografía de tema libre, dentro da modalidade analóxica: e 206 euros para a película de nivel medios máis alto, na modalidade analóxica. Os requisitos para acadar este premio baséanse na exposición correcta das vinte fotos, na variedade dentro dos temas propostos e na creatividade.