Pasar al contenido principal

O matemático Bermúdez de Castro explicou nun encontro internacional en Madrid a estreita colaboración do seu grupo co sector industrial

No seno da Conferencia Internacional sobre Matemáticas e Industria que se desenvolve baixo o auspicio da Fundación Europea da Ciencia

O catedrático Alfredo Bermúdez de Castro, do Departamento de Matemática Aplicada da USC, pronunciou este luns 26 unha das dúas conferencias convidadas da Conferencia Internacional sobre Matemáticas e Industria que se celebra en Madrid baixo o auspicio da Fundación Europea da Ciencia (ESF). O outro relatorio pronunciarao o martes o gañador da Medalla Fields en 1994, Pierre- Louis Lions.
Na súa intervención, titulada ‘Experiencias dun matemático industrial’, Bermúdez de Castro explicou con detalle a colaboración con diversas entidades e empresas do grupo de investigación que dirixe na USC para a resolución de problemas matemáticos relacionados coa simulación de procesos e produtos. O profesor da USC, un dos pioneiros da matemática industrial en España, coordina a área de Transferencia de Tecnoloxía da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP). O seu grupo desenvolve numerosos proxectos en cooperación coa industria relacionados con procesos de produción de aluminio e silicio e a difusión de contaminantes, entre outras áreas.
No encontro de Madrid falou especificamente de tres exemplos de colaboración do seu equipo. Un sería o estudo de modelos para simular a dispersión de contaminantes nas rías galegas, realizado para a Xunta de Galicia e diversas empresas de proxectos de enxeñaría, co obxectivo de determinar o emprazamento óptimo dos emisarios submarinos de evacuación de augas residuais.
Un segundo caso son os traballos para desenvolver modelos de combustión que permitan optimizar o deseño e a operación das caldeiras, nas centrais térmicas das empresas Endesa e Unión Fenosa, con vistas a reducir as emisións contaminantes. Variantes destes modelos tamén se están empregando para estudar os procesos de oxi-combustión (combustión con oxíxeno en lugar de aire) no combustor experimental da Fundación Cidade da Enerxía que se esta construíndo en Ponferrada.
O terceiro caso que Bermúdez de Castro expuxo no congreso como exemplo de colaboración é o desenvolvemento de diversos programas de ordenador, de simulación numérica, para a empresa Ferroatlántica I+D con obxecto de mellorar os seus procesos de produción de silicio: electrodos para fornos de arco eléctrico, coladas, procesos de purificación, etc.
A Conferencia InternacionalEsta Conferencia Internacional que está a ter lugar na sede do CSIC estase a presentar a análise máis detallada ata a data sobre o poder das matemáticas para transformar a industria europea. O estudo, levado a cabo pola ESF, foi coordinado polo Comité de Matemática Aplicada da Sociedade Europea de Matemáticas e conta coa participación de centos de matemáticos e empresarios europeos.
O obxectivo final dos congresos ‘Forward Look’ da ESF é proporcionar aos dirixentes políticos e á comunidade científica elementos útiles para definir a estratexia da investigación europea a medio prazo. Neste caso analízase a relación entre a matemática e a industria europea, partindo de que as matemáticas son “un marco universal para a innovación”, en palabras dos autores do estudo.
Este encontro, enmarcado a Presidencia Española da UE, móstranse os exemplos máis destacados de resultados matemáticos utilizados con éxito pola industria en Europa, entre os que cabe destacar varios españois: melloras na aplicación da radioterapia; radiografías bucais en tres dimensións; e paneis solares ou parques eólicos máis eficientes, entre outros.
Destacada presenza da USCAdemais da presenza destacada no programa científico do encontro, Bermúdez de Castro forma parte do comité organizador no que lle acompaña tamén a profesora da USC Peregrina Quintela Estévez, ademais do profesor da UDC Carlos Vázquez, presidente da Sociedade Española de Matemática Aplicada. Pechan este comité Manuel de León Rodriguez, do CSIC, e María J. Esteban Galarza, da Universidade Paris-Dauphine.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.04.2010.