Pasar al contenido principal

Profesores da USC, na elite europea das matemáticas

O profesor da USC Alfredo Bermúdez de Castro e o gañador da Medalla Fields en 1994, Pierre- Louis Lions, serán quen pronuncien as dúas conferencias plenarias do Congreso Europeo ‘Forward Look’ sobre Matemáticas e Industria que comeza este luns 26 en Madrid. A intervención do catedrático compostelá versará sobre a experiencia dun matemático industrial.
Expertos europeos exporán na sede central do Consejo Superior de Investigaciones Científicas as estratexias máis adecuadas que as institucións e gobernos deberían seguir para mellorar a relación entre as matemáticas e a industria. Estas recomendacións son o resultado dos grupos de traballo do Forward Look Mathematics and Industry levado a cabo pola European Mathematical Society baixo o auspicio da European Science Foundation.
Ademais da presenza destacada no programa científico do encontro, Bermúdez de Castro forma parte do comité organizador no que lle acompaña tamén a profesora da USC Peregrina Quintela Estévez, ademais do profesor da UDC Carlos Vázquez, presidente da Sociedade Española de Matemática Aplicada. Pechan este comité Manuel de León Rodriguez, do CSIC, e María J. Esteban Galarza, da Universidade Paris-Dauphine.
Para desenvolver este encontro, incluído na axenda da Presidencia Española da UE, formáronse tres grupos de traballo -“Training and career development”, “Academia-Industry interface” e “Opportunities and challenges”- que presentarán os seus resultados en Madrid.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.04.2010.