Pasar al contenido principal

Nova oportunidade para participar no Programa para Deixar de Fumar da USC

O prazo para participar nesta convocatoria remata o 22 de abril

As persoas interesadas teñen unha nova ocasión de apuntarse no Programa para Deixar de Fumar da Unidade de Tabaquismo da USC, xa que o prazo para inscribirse nesta nova convocatoria remata o próximo 22 de abril. Ao longo dos seus máis de 25 anos de funcionamento, por este programa xa son máis de 10.000 as persoas que participaron nalgunha das actividades deste programa.
A Unidade de Tabaquismo ofrece tratamentos de distintos tipos, individuais, grupais, para fumadores de moitos cigarros ou mesmo a través do correo postal. Como aval de calidade, o Programa para Deixar de Fumar ten sido seguido por fumadores en Galicia, así como noutras partes de España e incluso noutros países.
O tratamento que se aplica no Programa caracterízase por proporcionar aos fumadores un conxunto de sinxelas estratexias que van seguindo semana a semana. Para rematar a experiencia con éxito, o Programa propón a realización de tarefas sinxelas para debilitar paulatinamente os compoñentes fisiolóxico (dependencia da nicotina), psicolóxico (hábito) e social (presión ao consumo).
Aquelas persoas que desexen información sobre este programa ou de como seguilo, poden poñerse en contacto coa Unidade de Tabaquismo da USC no teléfono 981.547.146 ou no 981.563.100 extensión 13.939.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2010.