Pasar al contenido principal

O Comité Asesor Internacional de Campus Vida celebra a súa primeira reunión de traballo

O Comité Asesor Internacional de Campus Vida, Campus de Excelencia Internacional, reúnese por primeira vez este xoves 15 en Compostela coa fin de estudar os avances do proxecto e poder achegar recomendacións de mellora.
O Nobel de Medicina, Torsten Wiesel; o presidente de Ono, José María Castellano; a directora do Cluster Biotecnolóxico de Cataluña BioCat, Montserrat Vendrell, e o Premio Nacional de Investigación Joan Rodés comezarán a xornada cunha reunión de traballo co reitor Senén Barro na que coñecerán de primeira man a evolución do proxecto. A continuación, ás 11:30 horas, realizarán unha visita por instalacións de Campus Vida como o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, no CHUS, e o Edificio Emprendia.
Nesta xornada terán tamén a oportunidade de analizar cos responsables da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago participantes no proxecto a implicación das administracións públicas. Xa a primeira hora da tarde manterán unha reunión de traballo cos representantes da Agrupación Estratéxica de Campus Vida e rematarán a xornada na Reitoría cun encontro informal coa comunidade universitaria. Previamente, ás 17:00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, ofrecerán xunto co reitor unha rolda de prensa para expoñer as principais conclusións desta primeira xuntanza.
O Comité Asesor Internacional, formado por expertos das principais áreas de desenvolvemento de Campus Vida -ciencia e innovación, desenvolvemento de bioclusters, perspectiva económica empresarial e proxección social-, ten como misión principal asesorar á USC na posta en marcha do proxecto e facer un seguimento do cumprimento dos obxectivos de Campus Vida.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.04.2010.