Pasar al contenido principal

O III Coloquio Internacional de Estudos Latinoamericanos profunda na creación de espazos interdisciplinares na América Latina e Europa

Baixo o lema ‘Historia(s), Imaxe(s) e Linguaxe(s) na América Latina e Europa’, o Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas Gumersindo Busto da USC organiza desde este mércores e ata o venres na Facultade de Filosofía o III Coloquio Internacional de Estudos Latinoamericanos. O obxectivo desta xuntanza céntrase na creación de espazos interdisciplinares, unha liña de traballo cada vez máis fértil no mundo universitario, á vez que é un dos eixos sobre o que bascula o novo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
O coloquio inaugurouse no salón de Actos de Filosofía coa conferencia maxistral do profesor da USC Carlos Barros sobre as imaxes da vitoria na revolta irmandiña. As xornadas prolongaranse ao longo dos tres días divididas en cinco módulos -Teorías; Literatura, lingua e historia; Arte e presentes; Historia, espazo e tempo; e Historia, historiografía e método- e os obradoiros ‘O discurso na Historia’ e ‘A imaxe entre a arte e a historia’.
A historia, a historia da arte, a lingua e a litera­tura serán as matrices disciplinares da reflexión deste encontro, indagando na súa vinculación cos diferentes presentes, tanto en distintas épocas (medieval, moderna e contemporánea) como desde diver­sos enfoques e a partir de realidades xeográficas distintas: Europa e América Latina. De tal xeito, discutirase sobre representacións artísticas de varios períodos, de historia do tempo presente tanto na época medieval como contemporánea, e de análise do discurso e creación literaria desde as diferentes disciplinas.
Trátase así dun evento que pretende un exercicio de diálogo e convivencia interdisciplinar pero que tamén suporá un intento de traspasar os compartimentos estancos que existen nas diferentes especialidades, organizadas en ríxidos segmentos cronolóxicos e conceptuais.
Ademais de expertos da USC, no coloquio mostrarán os seus puntos de vista investigadores das Universidades de Estremadura, Complutense de Madrid, Granada, Londres, da República de Uruguai, Lleida, Bolonia (Italia) e Salamanca.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.04.2010.