Estudan na Facultade de Medicina da USC os últimos avances tecnolóxicos aplicados á Odontoloxía

A presentación, en primicia para España, dun novo escáner intraoral foi o punto de arranque do programa científico do décimo congreso da Sociedad Española de Láser Odontoestomatológico (SELO) que este venres e o sábado 13 se celebra na Facultade de Medicina da USC.
A inauguración do encontro celebrouse a última hora da mañá nun acto presidido polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos. Esta é a primeira vez que o congreso se celebra en Galicia tomando o relevo de Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia e Salamanca.
‘O camiño cara a Odontoloxía do futuro’ é o lema escollido para este encontro no que participarán expertos internacionais e ao abeiro do que tamén se desenvolven a IV Reunión SELO para Hixienistas e Auxiliares e a segunda Xuntanza coa Ordem dos Médicos Dentistas de Portugal. O encontro acadou o recoñecemento de interese sanitario da Xunta de Galicia e está acreditado pola Consellaría de Sanidade.
A presentación das distintas intervencións correrá a cargo de investigadores e profesionais procedentes de Alemaña, Israel, Italia, Portugal, Turquía e España. Entre eles atópanse os presidentes da Academia Europea de Medicina Oral, da Federación Mundial do Láser e da Sociedade Española de Medicina Estética, ou o xefe de servizo de Avaliación de Riscos da Axencia Española de Medicamentos.
Son os “principais e máis destacados protagonistas na temática proposta” sinala Gonzalo López, presidente do comité organizador, ao referirse aos expertos que intervirán no desenvolvemento do programa, para engadir “tanto pola súa valía científica e capacidade de impacto como polo seu perfil profesional”. En conxunto, as distintas quendas de intervención abarcan un amplo abano da odontoestomatoloxía, dende a periodoncia ou a implantoloxía ata a operatoria, endodoncia, pasando pola cirurxía, a medicina estética ou a utilización do láser.
O programa arrancou cunha sesión precongresual o mesmo venres na que se analizou a situación actual dos estudos en bisfosfonatos dando paso a unha serie de intervencións nas que, partindo dunha análise sobre a evolución da tecnoloxía láser ata a actualidade, prestarase atención a cuestións como as vantaxes do tratamento con láser en operatoria, en periodoncia, odontopediatría e ortodoncia; ou opcións do láser de CO2 en cirurxía oral. As aplicacións desta tecnoloxía con finalidade conservadora, na desinfección de condutos ou na estética facial, son outros dos temas que tamén estarán presentes no programa do encontro. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web http://www.selosantiago.com/.