Un certame premiará o mellor Proxecto Fin de Carreira dos recén titulados en Enxeñaría de Montes en Lugo
Os titulados en Enxeñaría de Montes pola Escola Politécnica Superior de Lugo que superaran coa cualificación mínima de notable o Proxecto Fin de Carreira nas convocatorias de abril, xuño, setembro e novembro de 2009 e febreiro de 2010, poden optar a unha nova edición do premio ‘Bernardo de la Torre’, convocado pola Asociación e o Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia en colaboración coa EPS.
O obxectivo deste galardón é estimular a vocación profesional dos enxeñeiros de montes recén titulados ao tempo que se distinguen os traballos que aportan valores de creatividade e aplicación á profesión.
No concurso admitiranse soamente proxectos de enxeñaría, nos que se valorará a innovación e a actualidade nos temas abordados, a concepción xeral do traballo, a análise de alternativas estudadas, a aplicación de tecnoloxías actuais ás solucións propostas e o seu interese económico.
O prazo de presentación dos traballos, que se entregarán na Secretaría da Escola Politécnica Superior de Lugo, finalizará ás 14:00 horas do venres 5 de marzo. O proxecto gañador recibirá un premio en metálico de 600 euros e un diploma acreditativo nun acto que se celebrará a finais do mes de marzo con motivo da celebración do Día Forestal Mundial.