Os alumnos estranxeiros dos Cursos Internacionais da USC realizarán prácticas nas empresas da Fundación Santiago Centro Área Comercial
Os alumnos estranxeiros que veñen a Compostela para participar nos Cursos Internacionais da USC terán a posibilidade de realizar un período de prácticas nas máis de cento cincuenta empresas de moi distintos sectores que conforman a Fundación Santiago Centro Área Comercial.
A formación práctica destes alumnos queda regulada no convenio que hoxe asinaron en San Xerome a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud, e o presidente do Padroado da Fundación, Jose Mª Fernández Fernández. Asistiron ademais ao acto o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló; a coordinadora do semestre académico para estudantes norteamericanos, Gene González; e a xerenta e o secretario do Padroado, Purificación Cendón e Delmiro Prieto.
Así, estes alumnos de lingua e cultura española combinarán os seus estudos universitarios con prácticas profesionais en empresas da cidade, permitindo un maior achegamento á realidade laboral española e galega e contribuíndo de xeito activo á mellora das súas destrezas lingüísticas no ámbito da empresa.
O obxecto primeiro desta iniciativa é a mellora da competencia lingüística en español no ámbito empresarial. De aí que a duración das prácticas, non remuneradas e titorizadas, sexa de catro meses cunha xornada de oito horas semanais en horario de tarde, a compatibilizar cos estudos.
Inmersión lingüísticaOs alumnos que participan no Programa Semestral de Inmersión lingüística en ámbitos profesionais, procedentes dos Estados Unidos, realizan durante catro meses un programa de estudos universitarios no que combinan a aprendizaxe da lingua española con materias máis específicas como literatura española e hispanoamericana, cultura e civilización españolas e incluso historia e actualidade do Camiño de Santiago.
O programa académico e profesional vese complementado coa organización de diferentes actividades culturais e de ocio nas que os alumnos teñen a oportunidade de coñecer o Patrimonio artístico-cultural de Santiago e doutras cidades galegas.