Orzamentos e calendario académico, asuntos a tratar na xuntanza do Consello de Goberno deste mércores
O Consello de Goberno da USC reúnese en San Xerome este mércores 17 a partir das 9:30 horas para tratar, entre outros moitos asuntos, o calendario académico do vindeiro curso e o documento detallado cos orzamentos para este exercicio que recentemente lle enviou o Claustro Universitario en forma de Liñas Xerais.
Ademais na xuntanza presentarase o Campus Lugo 2015 e proporase un cambio de denominación do Campus Sur e a adhesión ao documento que o Consello da Cultura Galega remite ao Parlamento propoñendo a constitución dunha comisión parlamentaria que elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística.
A creación e regulamento dos centros singulares de investigación CIMUS e CIQUS, un informe coas titulacións do EEES ou os criterios para a continuidade de másteres universitarios son outros puntos da orde do día que, en materia de docencia, contén tamén a adscrición de materias de Grao e Máster e áreas de coñecemento, a asignación de docencia nas titulacións adaptadas ao EEES, a capacidade e necesidades lectivas e de titorías do vindeiro curso e a Planificación Académica Anual.
Complétase a reunión cos regulamentos de réxime interno de Criminoloxía e Bioloxía, a modificación da normativa de funcionamento do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación continua, e a proposta de crear dúas comisións no máster universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, formación profesional e ensino de linguas.