Pasar al contenido principal

Estudantes de Ciencias da Educación en etapa de posgrao intercambiarán as súas investigacións nun congreso

A celebrar no Campus de Santiago entre o 14 e o 16 de abril

O alumnado en etapa de posgrao de Ciencias da Educación das tres Universidades galegas exporá a vindeira semana nun congreso as súas experiencias e investigacións. Coa iniciativa dos investigadores da USC trátase de crear un espazo aberto para a promoción, o intercambio e a discusión dos traballos desenvolvidos nas diferentes áreas de coñecemento do ámbito educativo.
Os organizadores pretenden tamén fomentar a cooperación entre os investigadores das diferentes áreas e reforzar o recoñecemento dos seus estudos como motor de desenvolvemento da sociedade actual “cara á mellora da realidade educativa e social”. Por outra banda, no congreso divulgarase a oferta existente en canto aos recursos e posibilidades económicas de axuda e financiamento para a investigación.
Entre os moitos expertos que interveñen destaca a participación de Rafael Bisquerra e José Luis Aróstegui, prestixiosos metodólogos na área das Ciencias da Educación.
O II Congreso Galego de Investigación en Ciencias da Educación, para o que aínda hai prazas, diríxese fundamentalmente ao alumnado de Posgrao (Másteres e Estudos de Doutoramento) así como ao dos últimos anos dos diferentes Graos de Ciencias da Educación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.04.2010.