Pasar al contenido principal

Un curso impartido pola arquitecta Cristina Palmese pecha o monográfico 'Músicas e espazos' en Lugo

A arquitecta italiana Cristina Palmese impartirá o segundo módulo do monográfico ‘Músicas e espazos’ que se desenvolverá estes venres 22 e sábado 23 no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, en horario de 9:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas o venres, e só de mañá o sábado.
Neste curso, Palmese abordará os espazos para a música e a confluencia entre as dúas disciplinas, co obxectivo de que os participantes poidan explorar e valorar as múltiples interaccións artísticas, sensoriais, sociais e culturais que se dan entre a música e a arquitectura.
A actividade inclúe un apartado práctico no que os alumnos realizarán gravacións, fotografías e enquisas co fin de estudar os diferentes ambientes e a influencia que un espazo ten sobre os sons que nel se emiten e perciben.
O monográfico ‘Músicas e espazos’ contempla tamén a celebración dun concerto multimedia organizado dentro do Grupo de Creación Musical da USC para presentar as obras de Cristina Palmese e de José Luis Carles, o compositor e especialista en paisaxe sonora que impartiu o primeiro módulo do monográfico. Nese curso, Carles ensinou aos participantes a escoitar os sons da paisaxe, a desenvolver a creatividade musical e a fomentar o respecto e o interese polo noso patrimonio sonoro. O recital será este mesmo venres ás 20:00 horas no Salón Rexio do Círculo das Artes e con entrada de balde.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.01.2010.