Pasar al contenido principal

A USC coordina co CHUS un proxecto europeo en nanomedicina para a terapia do cancro

As Facultades de Medicina e Farmacia da USC coordinan, xunto co Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), un proxecto europeo no que numerosos expertos en cancro, inmunoloxía e nanotecnoloxía farmacéutica traballan no desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas para combater a enfermidade.
Os investigadores responsables do proxecto ‘LYMPHOTARG, nanotrasportadores linfáticos de fármacos para o tratamento do cancro metastásico’ reuníronse recentemente en Santiago, coordinados pola profesora da USC e Vicerreitora de Investigación, María José Alonso, para fixar as bases de traballo.
A principal causa de mortalidade de pacientes de cancro asóciase na actualidade á invasión de células metastáticas debido á ineficacia dos tratamentos fronte a estas. Agora, a través das estratexias que propoñen estes investigadores preténdese unir o fármaco a un nanotransportador capaz de dirixilo preferente a esas células, abordando así o gran reto de atacar o cancro que cursa con metástase.
A importancia e pertinencia do traballo científico queda manifesta ao acadar o primeiro posto en España e o terceiro do total de proxectos europeos aprobados no programa FP7 ERANET-EuroNanoMed.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.01.2010.