A presidencia española do Consello da Unión Europea, tema de reflexión na USC
As prioridades da presidencia española do Consello da Unión Europea son o argumento central da conferencia que o embaixador en misión especial para relacións coas institucións da Unión Europea, Enrique González Sánchez, pronunciará este xoves 21 na sesión inaugural do encontro de Centros de Documentación Europea universitarios– Rede Europe Direct.Este encontro realizarase en Compostela en pleno Ano Xacobeo e no semestre en que España ostenta a presidencia do Consello da Unión Europea. A sesión inaugural do encontro comezará ás 10:30 horas cun acto oficial de apertura que vai presidir o reitor da USC, Senén Barro, e no que tamén estarán presentes a responsable da Rede de Centros Europe Direct da Representación da Comisión Europea en España, Ana Río Quintana; o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; e o director do Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC, Ángel García Vidal.
Completará esta sesión inaugural, a conferencia que vai pronunciar o investigador no Real Instituto Elcano, Ignacio Molina Álvarez de Cienfuegos, que falará sobre ‘A coexistencia entra as presidencias semestrais e a presidencia estable do Consello de Europa.
‘Documentación Europea no Camiño de Santiago’ é o lema deste encontro que achegará a Compostela a representantes de trinta Centros de Documentación Europea (CDE) doutras tantas universidades españolas. A rede de Centros de Documentación Europea creouse en 1963 para fomentar o estudio sobre as institucións e políticas europeas no seo das institucións universitarias. Actualmente organízase en redes nacionais, unha de alcance europeo e outra de carácter mundial, aglutinando así a Centros de Documentación espallados por institucións ao longo de todo o globo.
De xeito paralelo, os CDE forman parte da Rede Europe Direct que ten como obxectivo achegar a Unión Europea aos cidadáns, aínda que ao situarse nas universidades se orienta maioritariamente ao apoio á docencia e á investigación. Esta xuntanza de Compostela está coordinada por Elena Pérez Carrillo, da USC, e Eva Ramón Reyero, da Universidade Francisco de Vitoria.